A Biblioteca Municipal de Bertamiráns, afogada

A Biblioteca Municipal de Bertamiráns, afogada

BIBLIOTECA BERTAMIRANSAs políticas de austeridade impostas polo Partido Popular no Concello de Ames teñen como consecuencia a redución de fondos para as bibliotecas municipais do Milladoiro e de Bertamiráns.

A Biblioteca Pública de Bertamiráns presenta pingueiras debidas a unha filtración que aínda non foron reparadas dende o inverno pasado, polo que, para seguir ofrecendo servizo á cidadanía boa parte do local está cuberto por xornais, e no teito e nas paredes poden percibirse  grandes manchas de humidade (vid. foto anexa)

Por outra banda, o repertorio de libros infantís necesita unha renovación urxente; o uso frecuente por parte dos nenos e nenas, e a falta de actualización dos fondos e de reposición de exemplares debidas aos recortes impostos polo goberno popular, fan que os libros destinados aos pequenos se atopen moi deteriorados e sen incorporación de novidades.

O BNG de Ames solicita a elaboración dun plan integral para dinamizar as bibliotecas públicas do Concello de Ames, co obxectivo de mellorar as infraestruturas na de Bertamiráns e renovar e actualizar o fondo de libros dispoñibles para os usuarios.

O BNG de Ames lembra que mentres unha das xoias do concello hai anos, as bibliotecas públicas, esmorecen entre pingueiras non atendidas e falta de cartos para repoñer fondos, o goberno municipal gábase de aforricar máis de 50.000 euros nas contas xerais de 2013.

A Biblioteca Municipal de Bertamiráns, afogada