GALEGAS 2020

Ana Pontón traslada a proposta do BNG de aprazar ás eleccións ante a crise do coronavirus

Non se dan as condicións para ir as urnas con garantías, explica, e pide que a decisión se adopte por consenso coas forzas políticas e con todas as garantías xurídicas. “O prioritario é a saúde das persoas”

Recoñecemento ao “extraordinario” traballo do persoal sanitario, solidariedade coas persoas afectadas e confianza no pobo galego para afrontar a situación

Ana Pontón traslada a proposta do BNG de aprazar ás eleccións ante a crise do coronavirus

A crise do coronavirus é un problema de país e como tal hai que afrontalo tendo como única prioridade a saúde das persoas e minimizar os efectos da pandemia en todos os ámbitos.

Esta valoración, e tras un reunión extraordinaria da Executiva Nacional, leva ao BNG a solicitar un aprazamento da data de celebración das eleccións do cinco de abril porque, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “non é momento de liortas políticas, senón de sumar para sacarmos este país adiante, entre todas e todos”. Hoxe, recalcou, o que ocupa ao Bloque “é a vida e a saúde das galegas e galegos, as súas condicións de vida e de traballo, o seu benestar”.

“O resto, incluíndo a convocatoria electoral do 5 de abril, pasa para nós a un segundo plano, e debe estar condicionada á existencia de garantías de saúde pública e do correcto exercicio deste dereito”, explicou a líder nacionalista, “por iso pensamos que non se dan as condicións para poder desenvolver con normalidade un proceso electoral, nin en relación á campaña, nin polo exercicio de dereito ao voto”.

En consecuencia, o BNG pide un aprazamento electoral e así o vai transmitir no encontro co presidente da Xunta e cos responsables dos partidos políticos o vindeiro luns.

“A alternativa máis prudente e sensata pasa por un aprazamento electoral, este é un momento para a colaboración, non para a competición interna”, sintetizou. Un aprazamento que debe estar condicionado en primeiro lugar a que se decida por consenso das forzas políticas; en segundo lugar, a que haxa unha data alternativa; a que se leve a cabo con todas as garantías xurídicas e, en cuarto lugar, “por esixencia democrática” o Parlamento como poder lexislativo ten que poder desenvolver a través da Deputación Permanente o seu labor de control e impulso.

Todas estas cuestións serán formuladas pola líder nacionalista na reunión prevista para o luns.

Comité de seguimento

Neste contexto, o Bloque  tamén tomou a decisión de constituír un comité de seguimento da crise do coronavirus, “para seguir a diario a evolución da crise e para poder acompañar as medidas que vaian adoptando as institucións públicas”, explicou Pontón.

“É o momento de sumar, de unidade para sacarmos este país adiante, entre todas e todos”, insistiu a portavoz nacional, quen tamén expresou o seu recoñecemento á sociedade galega e moi especialmente aos traballadores e traballadoras da sanidade pública.

“Quero destacar o orgullo de facer parte dun pobo que está a dar o mellor de si para responder a esta crise desde a solidariedade entre persoas e familias, o sentido de irmandade, a fraternidade, o apoio para que ninguén fique só”, declarou, “especialmente quero trasladar publicamente o recoñecemento do BNG ao labor e ao compromiso dos e das profesionais da sanidade pública que o están a dar todo en defensa da vida e da saúde”.

Pontón quixo ter unha palabras especiais para as persoas afectadas polo virus, e as súas familias, en momentos difíciles, “a nosa solidariedade con elas e quérolles transmitir, de todo corazón, que estou, que estamos, con eles e con elas”.

Sanidade pública, imprescindible

O BNG considera que unha crise como a do coronavirus deixa en evidencia “a necesidade de contar cunha sanidade pública de calidade, ben dotada de persoal, de medios e de recursos. Serva esta crise, cando menos, para evidenciar que a sanidade pública é un dereito que logrou moito conquistar e non debemos esquecelo nunca”, recalcou.

Pontón concluíu destacando que Galiza “é un gran país” e xa ten demostrado a súa capacidade colectiva par superar situacións adversas, “e teño a firme convicción de que sairemos adiante, porque somos un pobo con enerxía, cun gran sentido de comunidade e da solidariedade. Mesmo á marxe das institucións, temos demostrado que somos capaces de facernos valer e saberemos enfrontar con coraxe, con unidade e con decisión o futuro máis inmediato. Este é agora o noso reto, e a el nos dedicaremos con todas as nosas forzas”, concluíu.

En resposta aos medios, a dirixente nacionalistas aclarou que o BNG non está propoñendo unha cancelación do proceso electoral, senón un aprazamento con todas as garantías xurídicas e desde o consenso, ao tempo que tamén demando consenso para facilitar o traballo de impulso e control do poder lexislativo a través da Deputación Permanente nunha situación excepcional.

 

Ana Pontón traslada a proposta do BNG de aprazar ás eleccións ante a crise do coronavirus