Feminismo necesario

Feminismo necesario
BNG de Ames
BNG de Ames

Cando aínda resoan os ecos doutro 8 de marzo exitoso, aparecen no concello de Ames cartaces de publicidade que nos ratifican na idea de que o feminismo é, a día de hoxe, non só un elemento político necesario, senón que se nos antolla imprescindíbel.

No mesmo centro do núcleo poboacional de Bertamiráns, nun escaparate de cara á rúa, amósabase un cartel publicitario de “etnia O.Barcelona” onde pode verse un corpo de muller, de cintura para abaixo, isto é, sen cabeza nin tronco, situada de espaldas, coas pernas abertas e espidas, vestida cun biquini vermello e uns zapatos tamén vermellos de tacón de agulla. Situado debaixo dela, apoiado no que aparece o bordo dunha piscina, está un home con gafas, camisa e traxe mirando cara arriba, ao pubis da muller.

O anuncio, atención, é de gafas, dentro dunha campaña denominada "#BeAnartist" ("Alguien que cree que los estándares marcados son INNECESARIOS, que los estereotipos CORROMPEN la creatividad, y que la gente debería LUCHAR contra ellos para encontrar su propia manera de expresarse mediante su poder crítico, reivindicativo e individual") dunha compañía de deseño de lentes catalana.

Que as gafas non se levan ben coa auga é algo coñecido, polo que apareza unha piscina no anuncio escápase ao noso entendemento; pero que aparezan unhas pernas, cousificando a unha muller, en actitude certamente servil e presentándolle, para o seu goce visual, o pubis, é algo que xa non se explica, nin moito menos se pode xustificar.

A "lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galiza", indica no seu artigo 31 que promoverá "a utilización non sexista da linguaxe e/ou das imaxes non discriminatorias, especialmente no ámbito da publicidade". É máis, a "Ley Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para la igualdad efectiva de mujeres y hombres" indica no seu artigo 41 que "La publicidad que comporte una conducta discriminatoria de acuerdo con esta Ley se considerará publicidad ilícita", polo que entendemos que ese tipo de publicidade é, directamente, ilícita segundo reflexa esta lei estatal.

Desde o BNG de Ames non queremos "facer sangue" co pequeno comercio concreto que amosaba a imaxe: o cartaz foi retirado e actualmente non teñen publicidade similar nas fiestras nin tiveran nunca outra de índole similar -certo é que a retirada veu precedida da denuncia dunha compañeira do Bloque Nacionalista Galego de Ames no "Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades" e na Secretaria de Igualdade da Xunta de Galiza.

Sobre o que sí queremos chamar a atención é sobre a marca e a campaña publicitaria. Esa imaxe, en concreto, tivo que ser revisada, dando o seu visto bo, por varias persoas que aprobaran a súa distribución aos distintos pontos de venta que a compañía catalana indica na súa páxina web. Cando aos poucos días de que milleiros de mulleres na Galiza, millóns ao longo do planeta, acompañadas de homes feministas, se mobilizaran para facer visíbel que "se nós paramos, o mundo para" se coloca unha imaxe deste tipo nun lugar público por onde pasan ducias de amesáns e amesás, o feminismo, isto é, a loita pola igualdade real entre mulleres e homes, cobra todo o seu sentido.


Cartaz, xa retirado, nun comercio do centro de Bertamiráns