Non nos calarán!

Non nos calarán!

mordazaAmes, 11/5/2015.- O BNG de Ames expresa publicamente o seu rexeitamento ante o intento de silenciar o seu labor e anuncia que adoptará todas as medidas oportunas para seguir espallando as súas iniciativas. Reclamará diante da Xunta Electoral contra unha televisión local por incumprimento da lei ao non ser convidado a un debate sobre política do municipio. Ante a eliminación do seu perfil de Facebook cunha denuncia anónima, abre unha nova páxina co mesmo enderezo.

Posible reclamación contra unha tv local

Unha televisión local da comarca organiza un debate sobre a política do municipio ao que só convida aos “grupos municipais actuais”. O BNG de Ames quere aclarar que actualmente no Concello de Ames hai só dous grupos municipais e que o resto dos representantes son concelleiros/as non adscritos, sen grupo municipal, logo da súa marcha das organizacións políticas por que foron elixidos/as. A normativa electoral establece claramente unha diferenza entre a representatividade que se lles outorga aos grupos políticos presentados ás anteriores eleccións e que obtiveron representación, aos cales se lles concede preferencia en canto a espazos electorais proporcionalmente aos seus resultados, e os grupos que non acadaran representación en 2011 ou que non se presentaran. O apartado Oitavo da Instrucción da Xunta Electoral Central 4/2011, expresamente dispón:

"La información dedicada específicamente a la campaña electoral que decidan realizar las televisiones privadas deberá responder, además de a los principios de pluralismo, igualdad y neutralidad informativa, al principio de proporcionalidad, entendido éste en el sentido de que su tratamiento deberá atender preferentemente a los resultados obtenidos por cada formación política en las últimas elecciones equivalentes, sin que dicho criterio impida proporcionar otra información sobre aquellas candidaturas que no se presentaron o no obtuvieron representación en las últimas elecciones."

O BNG de Ames presentouse ás eleccións de 2011 e obtivo catro actas de concelleiro; as persoas que as ostentaban pasaron logo a engrosar o número de concelleiros non adscritos, mais o BNG de Ames conta con todo o dereito legal a ser convidado a este debate electoral. Por iso anuncia que interpoñerá unha reclamación perante a Xunta Electoral se o medio non rectifica.

En calquera caso, o BNG de Ames o que esixe é que non se coarten o dereito á liberdade de expresión de todas as organizacións políticas que se presentan este 24 de maio ás eleccións municipais no noso Concello nin o dereito á información das veciñas e veciños en canto ás diversas opcións existentes.

Denuncia anónima do perfil de Facebook

Ao igual que outros centos de organizacións, o BNG de Ames mantiña un perfil de Facebook https://www.facebook.com/bng.ames, buscando un achegamento máis directo cos seus simpatizantes e con fin de recoller todas aquelas suxestións que, a través das solicitudes de amizade, se facían neste medio.

Debido a unha denuncia anónima, Facebook pecha o perfil do BNG de Ames. Está claro que o éxito do noso perfil nesta rede social non é asumible para os que non soportan que con argumentos sólidos e claros se denuncien as inxustizas ás que nos vemos sometidas as veciñas e veciños de Ames, que se presente unha candidatura solvente e sólida para estes comicios ou que se expoña un programa de futuro para Ames que ilusione e chegue á veciñanza.

O BNG nunca compartirá as estratexias covardes daqueles que escondidos tralo anonimato pretenden limitar a liberdade de expresión e de acción política. Dende a nosa organización non renunciaremos a difundir o noso pensar a través de todos os medios posibles aos que teñamos acceso. Accións coma esta non fan senón redobrar o noso esforzo por acadar un Ames con futuro, dentro dunha Galiza con Futuro.

Por iso queremos anunciar que xa dispoñemos dun novo espazo en Facebook, unha páxina á que se pode acceder a través do enderezo https://www.facebook.com/bng.ames

Non nos calarán!