O concello de Ames debe instar a Xunta a rexeitar o anteproxecto de lei do aborto

O concello de Ames debe instar a Xunta a rexeitar o anteproxecto de lei do aborto

WP_20140301_007O BNG de Ames presentou esta mañá no rexistro municipal un escrito demandando que, con motivo do 8 de marzo, o pleno municipal inste a Xunta de Galiza a derrogar as leis contra as mulleres (Lei de apoio á muller embarazada e Lei de apoio á familia e a convivencia de Galiza) e a manifestar o seu total rexeitamento co Anteproxecto de lei orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada, dando traslado deste ao goberno do Estado e esixindo a súa total retirada.

Para o BNG o 8 de marzo non pode converterse nunha data de celebracións rituais e hipócritas, baleiras de contidos, en papeis mollados e fotos para a galería. O 8 de marzo, agora máis que nunca, é unha data en que tamén as institucións deben mostrar con clareza o seu compromiso co avance no recoñecemento dos dereitos das mulleres e de denuncia da involución que se está a producir en todos os ámbitos.

O 8 de marzo, agora máis que nunca, é unha data en que tamén as institucións deben mostrar con clareza o seu compromiso co avance no recoñecemento dos dereitos das mulleres

O BNG de Ames denuncia a pretensión dos gobernos do PP de regresar ás mulleres a desenvolver tarefas de coidado, aproveitando a crise económica para recortar en servizos sociais e dificultando así, cando non impedindo, a conciliación da vida laboral e familiar.

O goberno galego, co Sr. Feijóo á cabeza, decidiu eliminar a corresponsabilidade do seu ámbito de actuación, reducir os orzamentos en políticas de conciliación e adoptar medidas falsamente natalistas, como a aprobación da Lei de apoio á Familia e a Lei de apoio a muller embarazada. Leis que non avanzan no recoñecemento dos dereitos das mulleres nin no fomento da corresponsabilidade. Pola contra, significan un retroceso nas políticas de igualdade dos últimos anos.

Como exemplo deste marco ideolóxico contrario aos dereitos das mulleres podemos sinalar a publicación da Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade por parte da Secretaría xeral de Igualdade. Unha guía que recolle as entidades sen ánimo de lucro con programas de apoio as mulleres xestantes de Galiza, en concreto 16 programas dos cales 11 son xestionados por ordes relixiosas e/ou grupos contrarios ao dereito ao aborto: Congregación Hijas del Divino Cielo, Congregación relixiosa Siervas de la Pasión-Hogar Santa Isabel, Betanía de Jesús Nazareno, HH.TT.FF. Rebaño de María, Red Madre Pontevedra, Red Madre Ourense, Red Madre Coruña, Caritas Diocesana ou Asociación de axuda á vida AYUVI.

O BNG de Ames denuncia que estas entidades contrarias aos dereitos en igualdade das mulleres foron e son potenciadas desde o goberno de Feijóo baixo o discurso de apoio á maternidade

O BNG de Ames denuncia que estas entidades contrarias aos dereitos en igualdade das mulleres foron e son potenciadas desde o goberno de Feijóo baixo o discurso de apoio á maternidade, ao mesmo tempo que se fan máis restritivos os requisitos da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2013, que se intaura o repago dos comedores escolares, que se limita o horario das escolas infantís públicas, que se amortizan as prazas de matrona, que non se substitúen os/as pediatras, que se elimina a gratuidade dos libros de texto...

Por iso presentou, a través da súa responsábel local, Isabel Vaquero, o escrito no rexistro e coincidindo con isto despregou unha faixa nas escaleiras do concello na que se podía ler “En defensa dos dereitos das mulleres. Aborto libre e gratuíto”. Ademais, compañeiras e compañeiros do BNG montaron o texto “As mulleres decidimos”, cada unha cunha letra.

O concello de Ames debe instar a Xunta a rexeitar o anteproxecto de lei do aborto