Celebración conxunta do Día da Patria en Ames

Celebración conxunta do Día da Patria en Ames

resize

O BNG de Ames, A Baña, Brión, Rois e Val do Dubra celebran conxuntamente o Día da Patria cun acto aberto á cidadanía.

A celebración será o venres 18 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Como é tradicional, o BNG celebrará en Ames o Día da Patria Galega cun acto público aberto á cidadanía, que contará coa presenza da deputada no Parlamento galego Ana Pontón. A novidade este ano será a celebración conxunta organizada polo BNG de cinco concellos limítrofes: Ames, A Baña, Brión, Rois e Val do Dubra. Xunto co acto político haberá unha actuación musical, espazo infantil co contacontos Anxo Moure e uns petiscos para animar a participación e o diálogo. A cita é o venres 18, a partir das 20.30 h no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

Na celebración do Día da Patria, xunto cos actos tradicionais a nivel nacional como a manifestación do 25 de xullo e o Festigal en Compostela, o BNG organiza a nivel local actos festivos e reivindicativos, co obxecto de se achegar máis á cidadanía. Unha cidadanía que está a reclamar máis igualdade, democracia e dereitos, para o cal o BNG entende que a mellor ferramenta é a soberanía.

Reclamar o dereito a decidir de Galiza non é só unha aspiración política, é unha necesidade para combater do mellor xeito o desemprego, a explotación no posto de traballo, a emigración e o empobrecemento que padecen milleiros de galegos e galegas.

A soberanía é a mellor ferramenta para podermos conservar e mellorar  os dereitos individuais e colectivos, e para afondar na democracia. Por iso cómpre que Galiza estea presente no debate aberto no Estado español en relación co recoñecemento dos dereitos nacionais dos pobos que o compoñen, co dereito a decidir.

Celebración conxunta do Día da Patria en Ames