O BNG apoia as alegacións dos traballadores/as do Concello ao Regulamento de bens informáticos

O BNG apoia as alegacións dos traballadores/as do Concello ao Regulamento de bens informáticos

O pasado 19 de setembro o BNG de Ames acudiu a unha xuntanza entre o Comité de Empresa, a Xunta de Persoal e os grupos políticos do Concello de Ames, convidado polos ditos órganos de representación.

O obxecto da reunión era recadar o apoio dos grupos ás alegacións ao Regulamento de uso e servizo de bens informáticos e de comunicacións do Concello de Ames presentadas polos traballadores e traballadoras do Concello. Cómpre lembrar que o dito Regulamento fora aprobado no Pleno do pasado día 30 de xullo cos votos a favor do grupo de Goberno, do grupo socialista e de parte dos concelleiros non adscritos (Compromiso por Ames), mentres que outra parte (Ames Novo) se abstivo.

Para o BNG de Ames, o principal problema deste Regulamento é súa propia elaboración e aprobación: trátase dunha norma cuxos principais destinatarios, que é o persoal ao servizo do concello que fai uso das ferramentas informáticas que lle proporciona a institución local para desenvolver as súas funcións, non foron escoitados previamente. É un proceder irracional e autoritario impor unhas normas de funcionamento sen que os seus principais usuarios, que coñecen as necesidades de uso no día a día, foran convidados a dialogar e consensualas, co que se conseguiría unha regulación aceptada polas principais partes implicadas.

O Regulamento ten boas intencións pero cae en erros como o exceso de responsabilidade que cae en mans dos/as usuarios/as e as accións inmediatas que pode realizar o departamento de informática, que saltan por riba de calquera normativa que regule unha administración pública. Ademais, parte do principio de que os traballadores son “malos usuarios”, cando un regulamento debe redactarse pensando nos obxectivos que se perseguen (as boas prácticas), non nas malas prácticas puntuais dalgúns usuarios.

Cremos que cómpre separar a normativa referida estritamente ao uso das TIC das cuestións laborais ou sancionadoras. E, por outra banda, tal e como se menciona no recurso da Xunta de Persoal e do Comité de Empresa, semella que non se tomaron as medidas oportunas para o seguimento e o cumprimento do regulamento, co que acabará sendo papel mollado.

O BNG, polo tanto, apoia as alegacións ao Regulamento de uso e servizo de bens informáticos e de comunicación do Concello de Ames, realizadas polo Comité de Empresa e pola Xunta de Persoal Funcionario do Concello de Ames, e solicita a revogación do dito Regulamento.

O BNG apoia as alegacións dos traballadores/as do Concello ao Regulamento de bens informáticos