O BNG de Ames reitera ao concello a constitución dun organismo municipal de vivenda en aluguer

O BNG de Ames reitera ao concello a constitución dun organismo municipal de vivenda en aluguer

Ames, 22 de maio de 2013.- O responsábel local do BNG de Ames, Alberte Souto, dirixiuse novamente ao Alcalde de Ames para ratificar a petición de constitución dun organismo de vivienda social en Ames, do que formen parte as entidades que traballan no eido social en Ames, o propio concello e as entidades financeiras e inmobiliarias que teñen vivendas desocupadas no ámbito municipal.

Perante o anuncio da constitución dunha comisión municipal de desafiuzamentos, o BNG xulga positiva pero totalmente insatisfactoria esa iniciativa, ante a grave situación que atravesan moitas familias que non poden acceder a unha vivenda digna, ou nin sequera en moitos casos manter a vivenda da que dispoñen por non ter recursos económicos suficientes para afrontar o pagamento do aluguer, o que pode abocalos á marxinación e exclusión social.

O portavoz do BNG de Ames xulga positivas pero totalmente insuficientes as medidas para paliar os desafiuzamentos en Ames

Non abonda coa creación dunha comisión de natureza asesora dos afectados, prevista para actuar en casos en que xa se consumou a ameaza do despexamento da vivenda, senón que hai que ir máis aló. Así, o  BNG de Ames insta a que o goberno do concello de Ames impulse unha intervención pública decidida cara axudar ás persoas máis desfavorecidas nesta situación de crise económica, fomentando accións que permitan manter o seu dereito a unha vivenda digna, ademais de pular pola súa completa integración social, evitando o desarraigamento e a exclusión.

De xeito concreto, proponse a creación dun organismo municipal de vivenda social en aluguer, xestionado polo concello, en colaboración coas entidades sociais que desenvolven o seu labor en Ames, que conte coa participación de empresas e entidades relacionadas co ámbito inmobiliario, particularmente as entidades financeiras que posúen un parque de viviendas en desuso e ao tempo perciben inxentes axudas públicas. A finalidade é garantir o acceso á vivenda digna das persoas con graves dificultades económicas así como a inserción laboral e social das mesmas, non só actuar paliativamente, en base ao consenso e diálogo coas entidades sociais que desenvolven o seu labor en Ames e das entidades políticas representativas do concello.

O BNG de Ames reitera ao concello a constitución dun organismo municipal de vivenda en aluguer