Análise sociolingüística no CEIP Agro do Muíño para recuperar terreo para o galego

Presentación informe CEIP Agro do Muíño
Presentación informe CEIP Agro do Muíño
Análise sociolingüística no CEIP Agro do Muíño para recuperar terreo para o galego

Este pasado mércores 26 de setembro, o Salón de plenos do Concello de Ames acolleu a presentación do informe "A lingua no CEIP Agro do Muíño", que partía dunha serie de enquisas realizadas no CEIP Agro do Muíño, por iniciativa do equipo de normalización lingüística do centro para renovar o proxecto lingüístico do colexio, a tres colectivos diferentes: alumnado, profesorado e pais/nais. Debido á grande cantidade de datos, que dificultaba un tratamento efectivo destes para sacar conclusións, desde o Agro do Muíño puxéronse en contacto coa Concellaría de Normalización Lingüística, dirixida pola concelleira do BNG de Ames Isabel Vaquero Quintela, para tratar de darlle emprego ás enquisas feitas. "Grazas á mediación do Concello, contactamos coa Real Academia Galega para elaborar un informe máis amplo e detallado da realidade sociolingüística do centro. Agora, a nós este estudo permitiranos elaborar o proxecto lingüístico do centro e marcar unhas liñas de actuación (...). Seguiremos sementando galego no Agro do Muíño”, explicou a directora do colexio amesán, María Carmen Liñares, en dita presentación.

Henrique Monteagudo, como secretario da Real Academia Galega e coordinador do Seminario de Sociolingüística, encargado da análise das respostas, comentou que “encaixa moi ben nas nosas liñas de traballo porque estamos dando unha prioridade moi grande á infancia e á mocidade, xa que é un sector clave no futuro do idioma”. Tamén, informando das conclusións do informe, expresou que “o acceso ao sistema educativo en Galicia está sendo netamente desgaleguizador, e neste campo hai unha responsabilidade moi directa das institucións públicas, o goberno e todos nós, a sociedade en xeral”.

Isabel Vaquero Quintela, do BNG de Ames, como concelleira de Normalización Lingüística, indicou que “este informe dános moitas pautas para a intervención política” e que o Concello de Ames ten "vontade de intervir", un dos factores fundamentais para reverter a situación de perda de falantes que está a sufrir o galego, vontade que demostrou o CEIP Agro do Muíño. Sobre a labor da Concellaría de Normalización expresou: “Xa facemos moito para a incorporación do galego nestes espazos, pero temos vontade de facer máis”, sentenciou. Na presentación do informe indicouse que é preciso dedicarlle á normalización lingüística máis recursos. No Concello de Ames, o investimento neste apartado multiplicouse por catro en tres anos e reclamouse máis implicacións doutras administracións e aumentar os orzamentos “acorde cos obxectivos e as planificacións de cada concello”.


Conclusións
O CEIP Agro do Muíño “é un claro exemplo do desprazamento do galego polo castelán que está a suceder no periurbano de Galiza”, apunta o informe. Preto de catro de cada dez familias de fillos/as galegofalantes contestaron que ao iniciaren a escolarización estes comezaron a falar máis castelán. A maioría (case o 64%) indicou que foi na segunda etapa de educación infantil (de 3 a 6 anos) onde se produciu esa muda, aínda que case un 20% sinalou que o cambio se remonta á primeira etapa da educación infantil, de 0 a 3 anos. A análise apunta que o centro escolar ten unha parte importante de responsabilidade no proceso de mudanza lingüística, mais non como sistema formal de adquisición de competencias senón como sistema de socialización secundario despois da familia, relación compartida con outros contextos de socialización externos á escola que, fronte á familia, cobran crecente importancia na sociedade contemporánea.

Repercusión e aproveitamento na política lingüística municipal
Así mesmo, este xoves, 4 de outubro, desenvolveuse unha xuntanza no Pazo da Peregrina co obxectivo coñecer a opinión dos centros de ensino público de Ames en relación á extensión do informe sociolingüísticos do CEIP Agro do Muíño a todos eles. Na xuntanza participaron a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, o concelleiro de Educación e portavoz do BNG de Ames, David Santomil; a técnica municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, así como representantes dos equipos directivos e dos equipos de Normalización Lingüística de todos centros de ensino público de Ames non municipais: escolas da Rede Galiña Azul, centros de educación infantil e primaria e institutos de educación secundaria e bacharelato. Para realizar este traballo, preténdese asinar un convenio de colaboración coa Real Academia Galega.
Foi unha primeira toma de contacto para ver a posibilidade de ampliar o estudo feito no CEIP Agro do Muíño ao resto de centros públicos do concello, co obxectivo de elaborar un mapa sociolingüístico do concello de Ames. Dito informe preténdese que sirva de modelo para que os centros elaboren os seus plans lingüísticos e o Concello estableza as liñas xerais da súa política lingüística municipal, para un prazo mínimo duns dous anos.

 

Informe "A lingua no CEIP Agro do Muíño"
Real Academia Galega: A análise sociolingüística do CEIP Agro do Muíño de Ames, guía para recuperar terreo para o galego na infancia


Novas relacionadas:

Sermos Galiza: Un estudo da Academia constata a perda do galego <en zonas perirubanas>

El Correo Gallego: O CEIP Agro do Muíño estuda o galego na infancia

La Voz de Galicia: O galego esmorece xa na educación infantil 

Praza Pública: A escola actúa como un axente "desgaleguizador", destaca a RAG

Análise sociolingüística no CEIP Agro do Muíño para recuperar terreo para o galego