O BNG de Ames alerta do perigo de lumes en Aldea Nova

O BNG de Ames alerta do perigo de lumes en Aldea Nova

 

  • Ante o inicio da época de alto risco, o BNG de Ames esixe que o Concello proceda a rozar de inmediato as fincas próximas a vivendas con risco de incendio
  • En Aldea Nova os piñeiros e eucaliptos están a só 10 metros das casas, contravindo a Lei de incendios forestais

Ames, 18 de xuño de 2014.- A finais de abril o Concello de Ames emitía unha nota de prensa cun ton triunfalista na cal se afirmaba que o 85% dos propietarios de fincas aos que lle requirira que rozaran a vexetación por motivos de seguridade así o fixeran. Porén, varias familias que residen na urbanización Aldea Nova puxéronse en contacto co BNG de Ames para queixarse de que aínda hoxe está sen rozar a faixa de especial protección que determina a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola lei 7/2012 de montes de Galicia.

A devandita lei establece que as persoas propietarias de parcelas próximas aos núcleos de poboación  teñen que cumprir coas obrigas de tala e roza da vexetación antes do 30 de xuño de cada ano, co obxecto de previr lumes. A roza debe abranguer unha franxa de 50 metros arredor dos núcleos de poboación (rurais ou urbanos) así como arredor de edificacións, vivendas illadas ou urbanizacións, desde o paramento das vivendas. Ademais, nos primeiros 30 metros non pode haber piñeiros, eucaliptos e acacias, de acordo cos criterios de xestión da biomasa.

A roza debe abranguer unha franxa de 50 metros arredor dos núcleos de poboación

Nos primeiros 30 metros non pode haber piñeiros, eucaliptos e acacias

As fotografías demostran que a só 12 días do remate do prazo, na urbanización Aldea Nova, onde residen máis de 800 habitantes, a vexetación está só a escasos 10 metros das casas e está formada, principalmente, por piñeiros e eucaliptos, especies de rápida combustión e que xa foron pasto do lume en varios anos, aínda que a situación foi especialmente dramática en 2006, cando ardeu dúas veces e obrigou a desaloxar varias vivendas e se achegou a dúas gasolineiras moi próximas á urbanización.

IMG_20140617_220029

O pasado marzo o Concello afirmaba que en 2013 se emitiran varias  ordes de execución para a limpeza de fincas e que unha delas correspondía a unha parcela situada na urbanización de Aldea Nova. Tamén afirmaba que en 2014 se revisarían as parcelas que tiveron unha orde de limpeza, para comprobar que están en perfectas condicións de seguridade, salubridade e ornato público. É evidente que non fixeron esa comprobación da limpeza en Aldea Nova, porque se non xa estaría feita a execución subsidiaria á custa do propietario da finca.

 

IMG_20140605_195401

E non foi porque non llo lembraran.  Veciñas de Aldea Nova infórmanos das numerosas ocasións en que se dirixiron oralmente e por escrito ao Concello, sen recibiren resposta ningunha.

Ante o inicio da época de alto risco, o BNG de Ames esixe que o Concello proceda a rozar de inmediato as fincas próximas a vivendas con risco de incendio que non foran limpadas ata agora, realizando a execución subsidiaria a que o faculta tanto a Lei de incendios como a Lei do solo en vigor.