En beneficio de todas e todos, municipalicemos a xestión da auga

En beneficio de todas e todos, municipalicemos a xestión da auga

aguaPara o BNG de Ames, o feito de que o concurso de licitación do ciclo integral da auga quedara deserto no Concello de Ames é unha oportunidade que se debe aproveitar para recuperar para a cidadanía a xestión dun ben tan básico como é a auga, evitando de novo a súa privatización.

O BNG anima o goberno municipal a asumir esta xestión pública, tal e como anunciou timidamente, e a poñer todo o empeño o máis axiña posíbel, xa que a prórroga da concesión actual remata no mes de setembro de 2014, e cómpre moito traballo de documentación, dotación de recursos, etc. para poder asegurar a continuidade do servizo sen problemas.

Se cadra, a abundancia de auga en Galiza non nos fai percibir a súa importancia, mais trátase dun ben común e dun dereito esencial, o cal esixe un modelo de xestión que non se subordine á obtención do beneficio privado e que garanta a eficacia, a eficiencia, a equidade, o control democrático e a conservación dos ecosistemas acuáticos.

O BNG aposta por municipalizar o servizo de abastecemento da auga.

Os servizos de abastecemento e saneamento constitúen un mercado moi apetecíbel para as empresas, pois ademais da venda dos servizos da auga, aproveitan como beneficio os cánones de concesión, que xeralmente non se dedican a mellorar os ditos servizos, e que pagamos todos e todas as contribuíntes a través do recibo da auga. Ese beneficio que agora levan empresas privadas podería retornar aos veciños e veciñas de Ames, e ademais poderíase aproveitar para con medios propios mellorar o servizo e prestalo con maior responsabilidade ambiental.

Ademais, trátase dun mercado con pouca competencia. Na actualidade hai unha serie de empresas que tratan de conseguir o control da xestión da agua, que teñen o mercado copado e que dispoñen dun poder enorme sobre as autoridades locais e autonómicas con capacidade de influíren nos pregos de condicións e na toma de decisións a respecto das concesións.

A xestión pública da auga presenta vantaxes económicas, democráticas e de xestión.

Por iso o BNG de Ames aposta por que, ademais, a nova xestión da auga non só se faga pública no aspecto económico e de xestión, senón tamén con transparencia e participación cidadá.

Tamén suporía reforzar a responsabilidade directa na xestión dun servizo esencial para a cidadanía de Ames, un concello que ten estendido ese modelo de xestión directa dos servizos públicos en moitos dos seus ámbitos competenciais (escolas infantís, comedores escolares, servizos de conciliación, xestión espazos culturais, etc.) con grande éxito e satisfacción cidadá.

Por último, non podemos esquecer que a reforma da administración local que está a preparar o PP, prevé un recorte moi importante de servizos municipais, e que precisamente o abastecemento da auga e o saneamento é un dos poucos que seguirá sendo de titularidade municipal en concellos de máis de 20 mil habitantes, como é Ames. Sería unha mágoa que se privatizase tamén un servizo tan básico coma este cando os concellos van perder tantas competencias.

En beneficio de todas e todos, municipalicemos a xestión da auga