Propaganda da mala en Ames

Propaganda da mala en Ames

DSC07838Ames, 23 de xaneiro de 2015

O PP vende a bombo e prato un proxecto que acumula un atraso considerable, como a nova potabilizadora e unha ampliación do EDAR de Sisalde para a que non hai fondos orzamentarios executivos. O alcalde Santiago Amor xunto coa conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, presentaron o pasado día 21 a bombo e prato que o Concello de Ames (así como o de Brión) contarían cunha nova planta potabilizadora antes do verán e que se ía ampliar o EDAR.

É boa noticia para a veciñanza de Ames e Brión que este verán remate a obra e entre por fin en funcionamento, pois verá así mellor garantida a subministración de auga potable. O que resulta bochornoso é o afán propagandista do PP, que no canto de axilizar a obra, só se preocupa de difundir reiteradamente a súa construción. Debemos lembrar que o proxecto naceu en 2009, cos praces dos conselleiros Manuel Vázquez e posteriormente de Agustín Hernández, polo que a planta potabilizadora tería que estar rematada xa hai tempo. O considerable atraso que acumula débese á neste caso ineficacia de Augas de Galiza para executar o convenio.

No caso da ampliación do EDAR de Sisalde o afán propagandístico resulta aínda máis grave, pois ao tempo que se recoñecen os problemas de depuración xa existentes e que vimos reiteradamente denunciando, só se anuncia que "está elaborando o proxecto construtivo para ampliar a depuradora de Sisalde”. É dicir, recoñecendo a urxencia da obra, non se prevén fondos para a súa construción; cómpre lembrar que o PP rexeitou unha emenda do BNG aos orzamentos da Xunta de 2015 precisamente para iniciar as obras de ampliación da depuradora de Sisalde. Con dotación orzamentaria firme para 2015 aceleraríase todo o proceso. Ao non consignala, xa sabemos que este ano a Xunta só vai dar orde para a confección do proxecto mais ningún impulso para comezar a acometer as obras

Para o BNG de Ames, o PP local amosa a súa incompetencia na xestión e o seu escaso peso fronte ao goberno da Xunta. Ambos semellan os campións da propaganda e as promesas incumpridas.

Propaganda da mala en Ames