A Plataforma de afectados polas Preferentes foi convidada polo BNG de Ames

A Plataforma de afectados polas Preferentes foi convidada polo BNG de Ames

Ames, 2 de maio de 2013.-  A Plataforma de Afectados polas Preferentes  de Compostela participou nun acto este xoves 2 de maio no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames),  convidada polo BNG de Ames para informar e asesorar ás persoas afectadas, así como a todas aquelas interesadas, das actuacións que están a levar a termo para reclamar que lles devolvan os seus aforros.

O BNG de Ames realizou este acto en colaboración coa Plataforma de Afectados polas Preferentes de Compostela, que está a despregar unha intensa actividade en defensa dos seus dereitos, desvendando a monumental estafa que afecta a máis de 80 mil familias en Galiza. A Plataforma deu conta das últimas normas aprobadas polo Goberno que legalizan este masivo engano, sen que ninguén teña que dar explicacións ou asumir responsabilidades, e informou a todas aquelas persoas afectadas do apoio e asesoramento que ofrecen para esixir a devolución dos aforros investidos.

A colocación masiva de participacións preferentes tivo como obxectivo a miles  de pequenos aforradores, non familiarizados cos investimentos financeiros, que non eran informados debidamente das características destes produtos nin dos seus riscos. Os Gobernos do PP, no canto de dar unha solución a esas miles de persoas enganadas, actúan a favor da banca, ao aprobar normas recentemente que legalizan a estafa e que permitirán aplicar unha quita coa que perderán como mínimo o 43 por 100 dos seus aforros. O BNG apoia a reivindicación dos afectados, para que se lles devolva integramente todo o diñeiro investido sen rebaixa de ningún tipo.

O BNG de Ames amosa a solidariedade coa Plataforma de Afectados polas Preferentes pola labor que desenvolven para sacar á luz pública o engano masivo ao que foron sometidos miles de aforradores e investidos sen información, e anima a todas as persoas afectadas, así como as que teñan sensibilidade social respecto deste asunto, a acudiren a arroupar á Plataforma  de Afectados polas preferentes ás mobilizacións en defensa da devolución íntegra dos seus aforros.