Outros ven dedos, nós vemos calidade nos obradoiros culturais

Outros ven dedos, nós vemos calidade nos obradoiros culturais

magostoEn relación coa nota de prensa de Pacto por Ames de onte 15 de setembro de 2015, sobre “adxudicación a dedo da xestion dos obradoiros culturais”, o BNG de Ames quere puntualizar o seguinte:

1. Entendemos a preocupación de PxA de velar pola transparencia, a equidade e a xustiza das adxudicación dos obradoiros culturais. No concurso formulado polo goberno do PP para tal xestión primouse por riba doutros aspectos o puramente económico e a capacidade de impartir obradoiros de todo tipo. Nestas condicións ningunha pequena empresa, asociación ou profesional, xa non do Concello senón galega, pode optar ao concurso fronte a grandes empresas como Eulen, xestionada por familiares do presidente da Xunta, que tanto lle dá á limpeza, como á seguridade como á xestión cultural. Daquela, a Pacto por Ames non pareceu importarlle esa imposibilidade. Trátase de visións políticas diferentes de como deben facerse as cousas. No BNG apostamos polo aforro, si, mais valorando a calidade dos servizos, a satisfacción das persoas usuarias e a xustiza cos traballadores.

2. As rebaixas escandalosas de empresas como Eulen neste tipo de concursos son posibles, entre outras causas, polas condicións laborais escandalosas para os seus traballadores. E tales condicións acaban repercutindo na calidade dos servizos prestados, como sucedeu en Ames cos obradoiros culturais e escolas deportivas, que suscitaron innumerables queixas dos usuarios/as e que motivaron que todos os grupos da oposición, incluído PactoxAmes, solicitara a rescisión do contrato a Eulen.

3. Dende a Concellaría de Cultura, dirixida por David Santomil, do BNG, fíxose un esforzo excepcional para en só mes e medio e en pleno verán poder, precisamente, atender esa demanda: preparar os informes técnicos para recibir o aval da Secretaría e da Intervención do Concello para non renovar a prórroga e mais preparar unha oferta alternativa de obradoiros.

4. Á hora de seleccionar as persoas que os imparten optouse por renovar aqueles profesores/as que xa o viñan facendo en anos anteriores (manualidades, teatro, bailes tradicional, etc.) con boas valoracións do público. No caso de xadrez, son dúas persoas cun curriculum destacado neste mundo. Un deles é Xoán Xosé Hidalgo Neira, Fido, un dos tres presidentes galegos da Federación Galega de Xadrez, que conta co título de árbitro autonómico de base e é fundador do único clube de xadrez existente na actualidade do Concello de Ames, equipo local que se posicionou este ano nas máximas categorías. E si, como ben apunta Pacto por Ames, “ía na candidatura do BNG nas pasadas eleccións como suplente nº 2” Mais non foi esa a razón da elección, senón o seu inmellorable perfil como xadrecista, e por riba, de Ames. A selección do persoal para estes obradoiros culturais non está baseada na militancia política das persoas nin nos amiguismos, só nos interesa o valor contrastado que poidan aportar estes profesionais aos obradoiros. Por certo, tamén cómpre comentar que malia o perfil profesional desta persoa e das ofertas continuadas que lle fixo ao Concello, nunca lle permitiron impartir ningún obradoiro de xadrez, algo que o BNG non quere achacar a motivos políticos.

5. Aínda que non é obrigado pola lei, polo pequeno monto que representa o custo de cada obradoiro, gustaríanos poder facer unha convocatoria pública para poder coñecer máis persoas, asociacións, empresas de Ames interesadas en colaborar cos diversos obradoiros culturais e poder valorar máis posibilidades, pero debía ofrecerse uns obradoiros de calidade en setembro, en só un mes e medio. Tamén nos gustaría que no Concello existise xa un rexistro de profesionais e non o hai; tentaremos poñelo en marcha. E coincidimos na necesidade de poder inscribirse a través da páxina web, pero as características técnicas da aplicación que xestiona a web imposibilítano; haberá que agardar á nova web municipal