Os orzamentos de Ames supoñen a renuncia a loitar contra a crise dese o concello

Os orzamentos de Ames supoñen a renuncia a loitar contra a crise dese o concello

O BNG de Ames rexeita os orzamentos propostos polo Goberno do PP para o concello, dado que é unha proposta económica impropia para un contexto de crise como o que atravesamos.

O Alcalde de Ames demostra, unha vez máis, a súa falta de iniciativa política que se traduce nunha incapacidade á hora de xestionar os fondos públicos do concello, ao presentar unha contas previsíbeis e rutineiras, malia o profundo contexto de crise económica.

A resposta contra a crise está ausente nas contas municipais para 2012 elaboradas polo PP

Os orzamentos presentados con evidente retraso aínda agravan máis esa sensación de falta de alternativa e de ideas anovadoras para gobernar o concello de Ames, máis necesarias que nunca pola preocupante situación que atravesan moitas persoas e familias en Ames, necesitadas dunha resposta tamén desde o concello que lles permita ter una respaldo público local para encetar a senda da recuperación económica. Esa resposta está ausente totalmente das contas que o goberno municipal de Ames formula para 2012, malia o evidente deterioro e agravamento da situación económica.

Os orzamentos son continuístas no que atinxe aos programas sociais, na súa maior parte postos en marcha hai case nove anos cando o BNG ostentou responsabilidades de gobernou en Ames, polo que ningún mérito se pode atribuír o Alcalde da porcentaxe de gasto social, xa que neste caso disfruta da herdanza recibida.   Ao contrario, a falta dun incremento significativo en gasto social denota o autismo deste Goberno, que nega destinar máis fondos públicos do concello ante as necesidades económicas crecentes en Ames, e mellorar os servizos sociais do concello.

Tamén hai unha renuncia a apostar pola dinamización cultural e deportiva, restrinxindo as contías para entidades veciñais, culturais e deportivas, relegando así o papel do concello na dinamización da vida cultural e social en Ames.

O PP de Ames sube os impostos locais sen que se traduza en máis investimento público nin maior gasto social

A característica máis grave destes orzamentos é a nula contribución que conteñen para facer fronte á crise económica e impulsar desde o concello a reactivación da economía amesá. Os investimentos deseñados non responden a ningunha planificación nin estratexia contra a crise, senón son un relatorio de obras bastante exiguo, algunha delas de imperiosa necesidade como é o caso do “camiño de cabras” da Travesía do Porto no Milladoiro, que indican a nula vontade e ideas que o PP de Ames ten empregar os recursos públicos cos que conta co concello para facer políticas económicas contra a crise.

Pola contra, o concello incorpora importantes subas impositivas (taxas municipais por servizos educativos e sociais, IBI), pretendendo dese xeito non só eludir a súa obriga de atender as necesidades dos amesás senón impóndolles unha suba de impostos para financiar a parálise e inactividade municipal do PP.

Os orzamentos de 2012 en Ames demostran que o actual goberno municipal atópase afastado da realidade, xa que non recoñece a crise a pesar de que xa hai máis de 3.000 mil persoas desempregadas en Ames, para as que non se lles achega ningunha proposta ou solución que lles permita albergar esperanzas de mellor prosperidade neste ano en base ao apoio do diñeiro do concello. Ademais, tamén son desprezativos cunha parte importante do concello, ao integrar o cobro retroactivo, de xeito inxusto e ilegal, da taxa do lixo no rural, cando Sr. Amor nin sequera contestou aos representantes veciñais nin as miles de alegacións presentadas.

O BNG de Ames demanda a retirada destes orzamentos municipais para 2012 por terse elaborado sen considerar o contexto económico e social dadas as nulas respostas que achega para contribuír, na medida das competencias e responsabilidades do concello,  a loitar contra a crise que tamén bate en moitas persoas e familias en Ames.

A veciñanza de Ames non se merece unha proposta orzamentaria que supón unha resposta tan alonxada da realidade económica que padece unha importante parte da poboación, que non contén nin unha liña para paliar os efectos do desastre económico no que nos sume cada día máis a política económica errática do PP.

Semella que o Alcalde o o grupo de goberno en Ames só perseguen a cadratura dos números que integran as contas municipais, faltando incluso ás súas promesas con subas relevantes dos impostos locais, cando en realidade deberían fitar para as cara das persoas que demandan outras políticas que procuren unha saída social á crise que, nos orzamentos do concello de Ames para 2012, non teñen reservada nin unha soa partida.