Desgoberno do PP en Ames

Desgoberno do PP en Ames

O BNG de Ames lamenta que a irresponsabilidade e incompetencia do Alcalde do concello, Santiago Amor, así como do Partido Popular de Ames aboquen a unha situación de parálise municipal, gravosa para o conxunto da cidadanía.

A incomparecencia de parte do grupo de goberno local na sesión plenaria celebrada no día de hoxe é o colofón á caótica situación que vive o concello de Ames, bloqueado na súa xestión ordinaria así como na posta en marcha de novos proxectos necesarios para o concello.

O desgoberno do Partido Popular en Ames demostra a súa incapacidade e falta de responsabilidade nun momento crítico para a maior parte dos veciños e veciñas de Ames

Tanto o Alcalde como os integrantes do seu Goberno semellan máis preocupados en marcar o terreo, facer política de salón, que pisar o terreo diariamente fóra da casa consistorial, para coñecer os problemas dos veciños e veciñas, e propor solucións. Nun momento de grave crise económica, a actuación do goberno local en Ames, no canto de servir para paliala e superala, o que está a converterse noutro obstáculo máis. Dificilmente poderán o PP e o Alcalde Ames estar á altura das circunstancias, particularmente neste momento crítico para moita xente, e achegar medidas para mellorar as condicións de vida en Ames, cando nin sequera son capaces de pórse de acordo entre eles e gobernar a súa propia casa.

A asunción do Goberno Local por parte do PP en Ames está  supor un grave paso atrás, e esta nova exposición pública das súas desavinzas, afondarán aínda máis na incompetencia e incapacidade que caracterizan a xestión municipal sexa máis patente e que incluso poña en risco o normal desenvolvemento de servizos locais básicos.