O BNG esixe a solución da crise no concello de Ames ou a dimisión do Alcalde

O BNG esixe a solución da crise no concello de Ames ou a dimisión do Alcalde

A crise creada no seo do PP de Ames, que se trasladou ao Goberno Local, está a acrecentar a preocupación pola inactividade política do goberno local e a parálise na xestión municipal, xa acumulada desde hai un ano que se encetou a crise, como os seus protagonistas recoñecen publicamente.

Os acontecementos confirman que o que vai mal pode empeorar, xa que a actuación tanto do Alcalde, como dos distintos concelleiros implicados, como do PP, está antepoñendo os intereses partidarios á súa responsabilidade como representantes institucionais escollidos pola cidadanía. Semellan estar máis preocupados por darlle un salvavidas ao PP no canto de arranxar o desgoberno no que se instalou o concello de Ames.

O BNG de Ames considera penosa a xestión do Alcalde Amor e do PP da crise municipal

Confírmase que nin o Alcalde Santiago Amor, nin os concelleiros encabezados polo ex-tenente de Alcalde Ramón Argibay, nin moito menos o PP, teñen o mínimo interese en dar solución rápida a estra fonda crise de gobernabilidade do concello de Ames, senón que están pendentes de ver quen sae vitorioso, custe o que custe, incluso con grave prexuízo para a imaxe do concello.

Non hai alternativa ao desgoberno, á conflitividade política que vive Ames nin con Amor á fronte, nin cun goberno sustentado polo PP, vista a súa actitude destes días con acusacións cruzadas e apertura de expedientes.

Esta crise afondará no déficit democrático da corporación local, que será máis ilexítima e irregular en atención aos partidos que realmente concorreron ás eleccións e os representantes actuais que a integran, e que  ao tempo impide –polas limitacións legais e canto ás capacidades de actuación de concelleiros non adscritos- forzar unha alternativa nestes momentos, que tivese efectos prácticos como é o sentir da maior parte da cidadanía, ao desgoberno do PP de Ames.

O BNG de Ames insta ao Alcalde a rematar dunha vez esta crise, a non antepor intereses persoais e partidarios, pois esa é a súa responsabilidade ao asumir o cargo, e senón é capaz de afrontar esa tarefa, a presentar a dimisión dun xeito irrevogábel.

Boletín Ames

O BNG esixe a solución da crise no concello de Ames ou a dimisión do Alcalde