O BNG de Ames pide revogar a cesión da parcela no Milladoiro á Igrexa para usala a servizos publicos

O BNG de Ames pide revogar a cesión da parcela no Milladoiro á Igrexa para usala a servizos publicos

Ames, 10 de maio de 2013.- O BNG de Ames, a través do seu portavoz Alberte Souto, presentou no concello alegacións ao acordo de desafectación dunha parcela municipal municipal no Milladoiro para a posterior cesión á Igrexa Católica.

O actual Goberno municipal remexeu no fondo dos arquivos municipais para ceder unha parcela céntrica no Milladoiro á Igrexa. Nada menos que remontouse á época de Astray como Alcalde para facer agora un negocio inoportuno e ruinoso, que ocasionará perder patrimonio municipal no Milladoiro, un núcleo de poboación que sufre importantes carencias de dotacións e equipamentos públicos básicos. Un convenio ademais ilegal, pois nunca foi ratificado polo Pleno como no texto do mesmo se indicaba para a súa validez.

O BNG de Ames considera que non hai xustificación para respaldar esta proposta de cesión dunha importante parcela municipal no núcleo do Milladoiro para un uso relixioso, cando nesa localidade existen carencias de importantes e básicos equipamentos. Por iso pide a revogación do acordo, xa que debería, antes de cederse patrimonio municipal para usos relixiosos, de xeito preferente completar as dotacións de centros de ensino (aínda pendente o CEIP), de centros de saúde (pendente o Centro de atención primaria), de centros de servizos sociais (non existen nin centros de día, nin residencias públicas), de infraestruturas públicas locais para servizos de emerxencias.

O portavoz do BNG de Ames afirma que con esta actuación “semella cumprirse o aserto de que a fe cega a razón pois o Goberno de Ames, xunto c@s concelleir@s que apoiaron esta desafectación e posterior cesión, relegan a análise racional das necesidades e carencias de dotacións básicas no Milladoiro para deixarse levar por unha vontade irracional que como resultado dará que se conte cun centro adicado ao culto da fe, respectuoso para quen a profesa, nun núcleo urbano onde apenas se poden ofertan servizos básicos ás persoas que alí residen”.

A cesión dunha parcela á Igrexa Católica no Milladoiro demostra a conivencia do PP e de Ames e do seu concelleiro de Urbanismo, que foi activo integrante da congregación parroquial

No escrito de alegacións tamén se expresa o rexeitamento polo negocio ruinoso que supón para o concello a cesión parcela a cambio da permuta de varias fincas rústicas e urbanas de reducidas dimensións. O Goberno Local elude defender o interese patrimonial do concello coa entrega dunha parcela de importantes dimensións e considerábel edificabilidade nun núcleo urbano, a cambio de diversas fincas espalladas polo territorio municipal, en moitos casos de escaso valor. Neses termos, a permuta das fincas, e á vista tamén doutras necesidades no Milladoiro, a cesión é todo un luxo para o Arcebispado de Santiago de Compostela, que contará cun solar céntrico a cambio de pequenas fincas, cando moita xente agarda aínda por centros de saúde ou de ensino en condicións dignas.

Finalmente, o BNG de Ames tamén rexeita a conivencia entre o PP e a Igrexa Católica, comportándose de xeito confesional ao primala por riba do seu deber de manter servizos públicos eficaces e mesmo de atender cun trato igualitario outras organizacións relixiosas, que teñen tamén presenza no Milladoiro. E sobre todo, o que máis chama a atención é que se faga sen o mínimo reparo, posto que a proposta é tramitada e elevada polo concelleiro responsábel en materia de urbanismo, que á súa vez tamén integra, e tivo responsabilidades dirixentes relevantes, na comunidade relixiosa parroquial que, de non revogarse o acordo, usufrutuará a parcela cedida.

Xa que logo, o BNG de Ames pide a revogación da cesión da parcela municipal ao Arcebispado en Milladoiro, e no seu lugar que se destine, ben directamente polo concello de Ames ben por medio de cesión a outra administración pública, a dotacións e equipamentos de servizos públicos básicos relacionados co ensino, a sanidade, os servizos sociais, as emerxencias a cultura ou o deporte.

alegacions desafectacion parcela milladoiro igrexa 2013