O BNG de Ames demanda que rematen os apagóns electricos no rural de Ames

O BNG de Ames demanda que rematen os apagóns electricos no rural de Ames

Ames, 30 de novembro de 2012.- O BNG de Ames dirixiu sendos escritos á empresa GAS NATURAL-UNION FENOSA e máis ao concello de Ames para que se solucionen de xeito definitivo as eivas do subministro eléctrico en determinadas parroquias do rural do concello.

Ao longo da semana pasada, os numerosos e reiterados cortes de suministro eléctrico nas parroquias de Ames, Tapia, Piñeiro e Trasmonte (que tamén afectaron a outros concellos limítrofes como Val do Dubra) motivaron as queixas dos veciños e veciñas, que veñen padecendo desde hai tempo un deficiente servizo eléctrico por parte de GAS NATURAL-UNIÓN FENOSA,  coa pasividade do concello de Ames.

Malia os inxentes beneficios obtidos pola citada empresa, os investimentos para manter e mellorar a calidade do servizo que presta aos seus abonados  en Ames son nulos. Así, miles de veciñas e veciños das zonas rurais do norte de Ames teñen que contentarse un servizo deficiente, impropio dun país que exporta enerxía eléctrica, ao tempo que se reparten inxentes ganancias aos accionistas e directivos da compañía eléctrica. Todo iso coa conivencia e pasividade das administracións que deben velar polo interese xeral, particularmente o concello de Ames.

O BNG de Ames, a través do seu portavoz Alberte Souto Souto, trasladou esta queixa á empresa eléctrica GAS NATURAL-UNIÓN FENOSA, dando conta da mesma ao Alcalde de Ames para que actúe en interese da veciñanza afectada.

O suministro de enerxía eléctrica é un servizo esencial, que non está a garantir a citada empresa, que mesmo lles ocasiona perdas naqueles casos de empresas ou explotacións gandeiras. O BNG de Ames considera que esa actitude non se pode consentir, polo que o concello ten que intervir de xeito urxente ante unha situación que cada vez empeora, sen que haxa reacción por parte de GAS NATURAL-UNION FENOSA.

O BNG de Ames agarda que a compañía eléctrica cumpra, non só coa legalidade vixente, senón cos compromisos asinados por contrato cos seus abonados do rural de Ames, que lle obrigan a proporcionar un servizo eléctrico de calidade. E tamén a que o concello estea vixiante para que se asegure ese cumprimento, actuando enerxicamente de manter as actuais insuficiencias no servizo

O BNG de Ames demanda que rematen os apagóns electricos no rural de Ames