Dedicacións dun goberno transformador e eficaz, e do exercicio democrático da oposición

Dedicacións dun goberno transformador e eficaz, e do exercicio democrático da oposición

En 2003 o Concello de Ames contaba cunha poboación de 20.016 habitantes, un orzamento de 12.314.690,71 euros e unha corporación de 17 concelleiras/os. Logo das eleccións de xuño daquel ano, formouse un goberno de coalición entre o PSOE e o BNG. Ese goberno 2003-2007, que contaba con 5 dedicacións exclusivas (2,5+2,5), tivo unha gran capacidade de transformación para Ames e puxo as bases da maioría dos servizos e programas de que desfrutamos actualmente. Tamén por vez primeira dispuxo medios para que a oposición puidese exercer o seu papel con dignidade, un importante avance democrático.

En 2011 a poboación era de 28.852 habitantes, e o orzamento de 22.188.745,06 €. O inicial goberno en maioría do PP contaba con 3,5 dedicacións e saía por 320.609,12 euros brutos, sen contar cos gastos de seguridade social. A experiencia recente demostra que non sempre reducir e aforrar é mellor, e que un concello de 30 mil habitantes e uns ingresos de 23.576.370,00 € (ano 2014) como Ames na actualidade e coas características que presenta (dous núcleos urbanos, un gran volume de servizos...) gaña pouco aforricando en número de dedicacións do goberno, tal e como fixo o PP de Santiago Amor.

Daquela, non semella tolemia ningunha que o acordo de goberno entre PSdG, Contigo Pódese e BNG aumente en 0,5 as dedicacións das concelleiras e concelleiros con respecto ao goberno de 2003, tendo en conta o aumento da complexidade do Concello, máxime cando esa maior dedicación do goberno se compensa cunha redución dos cargos de confianza e cando existe un novo proxecto transformador para Ames. Por outra banda, cómpre lembrar que a Lei 27/2013, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local establece un máximo de 10 dedicacións exclusivas e 7 cargos de confianza para concellos de entre 20.001 e 35.000 habitantes, polo que Ames está ben lonxe dos límites máximos que impón a lei.

Diferenzas retributivas dos gobernos 2011-2015

Por outra banda, maioritariamente reducíronse as contías das dedicacións, obviando as retribucións das tenencias de alcaldía e equilibrando as dedicacións das concellarías. Loxicamente, e fóra demagoxias e populismos, as retribucións dun goberno deben ir en consonancia coas retribucións do persoal da administración municipal, e no caso de Ames fican ben por debaixo dos máximos legais (para concellos no rango de poboación 20.001-50.000 habitantes, dedicacións exclusivas dun máximo de 55 mil euros). Ademais cómpre destacar que o goberno tamén reduce á metade as contías correspondentes á asistencia ás Xuntas de Goberno Local e ás comisións informativas. O aumento do custo do goberno con respecto a 2011 (dun 14%) non se debe a unha suba das retribucións, senón ao do número de dedicacións (de 3,5 a 5,5) en busca dunha maior eficacia e efecto transformador da acción de goberno.

Por outra banda, aínda que se reducen de 150 euros mensuais a 100 as asignacións a grupos, e de 100 a 75 no caso dos concelleiros  (o que afecta tanto aos da oposición coma aos do goberno), prodúcese un natural aumento tamén do custo da oposición (dun 75%, sen incluírse os gastos de local) pola duplicación de grupos municipais nesta situación e a conseguinte dos medios de que deben dispoñer para poder realizar con dignidade e eficacia o seu traballo (de 2 cargos de confianza pásase a 3,5), un exercicio de democracia que non debería subestimarse.

resumo_gastos

goberno-oposicion