O BNG DE AMES APELA Á RESPONSABILIDADE DOS GRUPOS DA OPOSICIÓN PARA APROBAR CANTO ANTES A RPT.

Por demostrar a oposición que ten a maioría, o Pleno paraliza a RPT

O bloqueo á RPT supón un enorme prexuízo para os traballadores/as do Concello e a imposibilidade de novos orzamentos.

O BNG de Ames apela á responsabilidade dos grupos da oposición para aprobar canto antes a RPT.

Pedimos aos grupos da oposición que midan coa seriedade debida, a gravidade de seguir adiando a aprobación da RPT, sempre cos traballadores en mente e non os minutos de gloria e presenza nos medios que esta cuestión lle poida brindar a determinados voceiros.

Desde o BNG de Ames, apelamos ao sentido da responsabilidade dos grupos de oposición, para respectar a decisión e os acordos da Mesa Xeral de Negociación e os intereses dos traballadores e traballadoras do Concello de Ames.

Por demostrar a oposición que ten a maioría, o Pleno paraliza a RPT

A oposición decidiu onte, en pleno extraordinario, paralizar a Relación de Postos de Traballo. O principal obxectivo dos grupos da oposición - nomeadamente PP, Ames Novo e Pacto por Ames - foi evidenciar que o goberno está en minoría e que pode paralizar a acción de goberno, en especial a aprobación duns novos orzamentos, que levan sen actualizar desde 2012

Os traballadores e traballadoras do Concello son os principais afectados por este bloqueo. Traballadores e traballadoras que renden un servizo de calidade e aplaudido unanimemente por todos os grupos da Corporación mais que levan padecendo gravísimas consecuencias tales como inseguridade laboral, inxustiza salarial, imposibilidade de mobilidade e mala clasificación entre outros, froito dunha RPT de 2007 que naceu eivada e que non foi modificada desde entón.

En efecto, conscientes do potente instrumento que tiñan entre as súas mans para poñer en xaque a acción de goberno, a oposición decidiu tecer un atranco estratéxico que, lembremos, atrasa os novos orzamentos para 2017, cando levan prorrogados dende 2012.

Algúns protagonistas desta pinza, como a voceira de Ames Novo, decidiron facer un xuízo de intencións da máis baixa categoría posíbel ao Goberno, acusando de xeito maquiavélico ao goberno de convocar o pleno deliberadamente pola falta dun concelleiro de Ames Novo, cando ese mesmo concelleiro estivo ausente en gran parte dos plenos durante o último ano e en ningún caso a ausencia ou falta dun concelleiro pode paralizar o Concello.

Tamén optaron por acusar ao goberno de falta de vontade negociadora, cando, por unha banda, iniciou un proceso negociador cos traballadores e traballadoras que outros lles negaron durante 10 anos – chegando en menos dun ano a un acordo lexítimo apoiado pola Mesa de Negociación – e, por outra banda, cando froito das negociacións cos grupos da oposición, se atende a petición formulada por estes grupos de cubrir un posto de conserxería no CEIP de Ventín, creando unha praza en troques de atendela mediante a creación dunha bolsa de conserxes, unha demanda expresada tamén pola comunidade educativa.

Igualmente xustificaron a súa posición mediante a exposición de dúbidas sobre determinados aspectos do acordo, nomeadamente o PP e Pacto por Ames, que, se ben poden resultar razoables, estaban xa resoltas polos servizos técnicos do Concello, acreditando a súa legalidade e mesmo a posible prevaricación no caso de optar por outras vías.

Se ben esta RPT non é perfecta, corrixe en grande medida as enormes eivas que tiña a anterior, ademais das situacións ilegais e “alegais” dalgunhas traballadoras e traballadores. Cómpre non esquecer ademais, que se trata dun documento dinámico, que admite modificacións durante a súa vixencia, e que nada impide melloraralo no sucesivo, sobre esta base consensuada cos traballadores. Esta é, dende logo, a intención do goberno.

Nin o BNG de Ames nin este goberno queremos aprobar unha RPT que, contando co apoio da oposición, non conte co apoio maioritario dos traballadores do Concello, a quen lles está destinado este documento e principais afectados polo mesmo.

Pedimos, polo tanto, aos grupos da oposición que midan coa seriedade debida, a gravidade de seguir adiando a aprobación da RPT, sempre cos traballadores en mente e non os minutos de gloria e presenza nos medios que esta cuestión lle poida brindar a determinados voceiros.

Desde o BNG de Ames, apelamos ao sentido da responsabilidade dos grupos de oposición, para respectar a decisión e os acordos da Mesa Xeral de Negociación e os intereses dos traballadores e traballadoras do Concello de Ames.