Somos pensionistas, non defraudadores/as!

Somos pensionistas, non defraudadores/as!

Unha trintena de persoas déronse cita o pasado mércores 2 no Pazo da Peregrina de Bertamiráns no acto convocado pola Plataforma de Emigrantes Retornados de Compostela e o BNG de Ames, co obxectivo de dar a coñecer máis polo miúdo a problemática que están a vivir milleiros de emigrantes retornados/as, ofrecer alternativas, sumar apoios ás plataformas de afectados/as e chegar a aquelas persoas que aínda non están vinculadas. No acto participaron Manuel Domínguez, da Plataforma de Compostela , e mais a deputada do BNG Ana Pontón.

“Cómpre a presión social para manter vivo o debate sobre a inxustiza sobre os emigrantes retornados/as e que o PP teña que modificar a súa postura”

“Pretenden que, igual que antes collemos a maleta e marchamos fóra a traballar, que agora paguemos nós, porque teñen as arcas baleiras.” “Non machacan os grandes evasores fiscais, senón a xente de poucos recursos, pensionistas mileuristas, que non poden facerlles fronte de súpeto ás sancións de varios miles de euros que nos impoñen”, subliñou Manuel Domínguez. En efecto, a Axencia Tributaria reclámalles cantidades medias de 5 mil euros por non declarar dende o ano 2008 cando as pensións recibidas do exterior superen os 11 mil euros, abeirándose nunha modificación lexislativa dese ano. Porén nin a Axencia Tributaria, nin os consulados nin as agregadorías nin as xestorías informaron desta obriga aos emigrantes retornados, e mesmo a negaron.

Ademais de tratarse dunha situación inxusta polas diferenzas en canto ás grandes fortunas, ou pola información errada que estiveron recibindo, tamén resulta inxusta pola diferenza que establece respecto aos demais pensionistas, cuxa obriga de declarar comeza a partir dos 22 mil euros.

“Os políticos van aos centros galegos a nos pediren o voto,  pero agora que retornamos, dannos o tiro”

O abuso a que o Goberno do PP está sometendo aos nosos/as emigrantes retornados/as multiplícase pola xestión que están a facer dende a Axencia Tributaria, a cal non permitía aprazar os pagamentos, e impón xuros de mora e sancións. Cómpre lembrar que se trata de pensións moi pequenas; por exemplo, quen cobre unha pensión de 12 mil euros anuais pode ter que pagar uns 1200 euros en total.

Manuel Domínguez animou as persoas afectadas a daren a coñecer a súa situación e a non se sentiren culpábeis, defraudadores. Pola contra: deben formar parte das plataformas que se están a crear, xuntar forzas para actuar conxuntamente presentando alegacións e mobilizarse.  As persoas afectadas na comarca de Compostela poden dirixirse a Manolo Domínguez no teléfono 619 612 240.

Pola súa banda, a deputada Ana Pontón relatou as accións que o BNG está levando a cabo a nivel institucional, no Congreso e no Parlamento, mais tamén nos conce

llos, para que se lles anulen os expedientes sancionadores a estas persoas e mesmo que se lles devolvan os cartos a quen xa pagara, e tamén para modificar a lei, aclarala e dala a coñecer mediante unha campaña informativa, así como para revisar os convenios-marco cos diferentes países. Aclarou que o PP votou en contra da anulación dos expedientes sancionadores e que avalou a actuación da Axencia Tributaria.

Pontón cualificou actitude do PP cos emigrantes retornados/as de carroñeira, pois non só cometen un abuso contra persoas humildes mentres as grandes fortunas apenas tributan e xeran enormes bolsas de fraude fiscal, senón que tentan criminalizalos tratándoos de defraudadores/as.

A deputada do BNG dixo que a postura do PP e da Axencia Tributaria só pode mudar se ás iniciativas institucionais se une a presión social, como está sendo o caso da fraude das preferentes. Cómpre manter vivo o debate sobre este abuso, para o cal as persoas afectadas deben organizarse nas plataformas que se están a crear por todo o país, que conflúen na Coordinadora galega, e toda a sociedade galega mobilizarase contra este atropelo, para o cal o BNG de Ames xa está a recoller sinaturas.

Posteriormente suscitouse un intenso coloquio, con casos concretos, dúbidas e propostas..

 

Somos pensionistas, non defraudadores/as!