Unha reforma local para privatizar e empeorar os servizos á cidadanía

Unha reforma local para privatizar e empeorar os servizos á cidadanía

bngamesO pasado 20 de novembro tivo lugar no Pazo da Peregrina un acto organizado polo BNG de Ames para coñecer, da man de Alba Nogueira, compañeira do BNG de Compostela e profesora de dereito administrativo na USC, a reforma da administración local que está a preparar o PP máis polo miúdo.

O pasado 20 de novembro tivo lugar no Pazo da Peregrina un acto organizado polo BNG de Ames para coñecer, da man de Alba Nogueira, compañeira do BNG de Compostela e profesora de dereito administrativo na USC, a reforma da administración local que está a preparar o PP máis polo miúdo.

Eliminación de prestacións sociais, afastamento dos servizos para cidadanía, privatización, negocio para grandes corporacións, centralización, pulo ás deputacións, baleiramento de competencias municipais, invasión de competencias autonómicas por parte do Estado, menos democracia... Tal é o resumo que se pode facer a grandes trazos da proposta de Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración Local que está a ser tramitada e que previsiblemente se vai aprobar no Senado o vindeiro mes, logo do seu paso polo Congreso dos Deputados sen que a oposición de boa parte do Partido Popular a nivel local servise para paralizala ou suavizala.

Como o seu propio nome indica, a lei fundaméntase na suposta necesidade de racionalizar servizos duplicados e a de evitar un meirande endebedamento. Ambos os argumentos son falaces, cando menos en Galiza: os concellos só prestan servizos que non ofrecen outras administracións, nomeadamente a Xunta, e ademais son os organismos públicos menos endebedados do Estado, segundo os datos do Banco de España.

Consecuencias da reforma

A lei define unha serie de competencias propias dos concellos, que deben exercer en todo caso, e outras que só poderán exercer se lles son delegadas polo Estado ou polas comunidades autónomas, e sempre baixo a fórmula que estas lles indiquen. Entre estas competencias en principio prohibidas figuran moitos dos servizos que os concellos estaban prestando —de xeito único— en materia de servizos sociais, cultura, educación, muller, vivenda, medio ambiente... Estas restricións eliminan calquera posible política municipal que se diferencie dos ditados dos gobernos supramunicipais, no fondo (por exemplo, comedores ou servizos extraescolares) ou na forma (por exemplo, mediante execución directa por parte do concello).

Particularmente preocupante resulta a imposibilidade de prestar servizos sociais municipais a partir do 31 de decembro de 2015. Os concellos só poderán realizar avaliacións e diagnósticos de problemas sociais e atención de emerxencia, mentres que a prestación directa do servizo (atención domiciliaria, a menores, etc.) lle corresponderá á Xunta, polo que probablemente (se segue a gobernar o PP) asistiremos a un modelo de xestión privada que seguro que non beneficiará aos máis de 650 mil usuarios de atención domiciliaria e que non se sabe como afectará aos 70 mil empregos municipais relacionados que hai no Estado.

Establécese ademais garantías para que os concellos non poidan prestar estes servizos de xeito público. O Estado controlará a súa masa salarial e tamén mediará e controlará a delegación da Xunta de competencias impropias nos concellos. Finalmente, para a prestación municipal de certos servizos mesmo será obrigada a consulta á posible competencia concorrente, por exemplo, os ximnasios privados á hora de programar escolas deportivas.

Ademais, con esta lei as deputacións controlarán para os concellos de menos de 20 mil habitantes, os maioritarios en Galiza, a prestación de servizos tales como subministración da auga, tratamento de augas residuais, limpeza, recollida e tratamento do lixo, iluminación pública, accesos e pavimentación, así como recadación tributaria, administración electrónica ou contratación centralizada. Aínda que de entrada non afecte ao Concello de Ames, que supera os 30 mil habitantes, si pode ter consecuencias para a planta de tratamento de lixo de Lousame, á que está adherida o noso concello xunto con moitos outros da contorna que non chegan aos vinte mil habitantes.

Por outra banda, a lei tamén abre máis a porta á liberalización e desregulación das actividades pois a maioría delas xa non vai necesitar unha autorización administrativa previa por parte dos concellos, senón que abondará cunha comunicación do inicio da actividade. Deste xeito elimínase as trabas administrativas que garanten o benestar da cidadanía, pois agora non vai haber control previo municipal á apertura dun bar, por exemplo, que vixíe cuestións de seguridade, evacuación, son, ambiente, etc., senón que dependerán de denuncias e inspeccións a posteriori.

Ábrese a porta así á privatización dos controis previos por parte de empresas certificadoras que lle dean seguridade xurídica á apertura dun negocio. Os concellos perden ingresos a prol destas empresas e o benestar da veciñanza fica no ámbito privado a través de xuízos civís.

En Galiza, peor

O BNG alerta de que os perniciosos efectos desta reforma da administración local van ter consecuencias aínda máis prexudiciais en Galiza, pola súa estrutura poboacional, pola dispersión e o envellecemento da poboación. O dano no medio rural pode provocar unha desertización total de grandes extensións do territorio galego pois a cidadanía vai verse privada de servizos, e os que fiquen, privatizados, afastados e de peor calidade, ao buscar o máximo beneficio.

Unha reforma local para privatizar e empeorar os servizos á cidadanía