O BNG reclama unha matrona a tempo completo no Milladoiro

O BNG reclama unha matrona a tempo completo no Milladoiro

matronas3A recente xubilación da persoa que exercía como matrona no Concello de Brión solucionouna o Sergas destinando para alí á matrona do Centro de Saúde do Milladoiro durante seis horas á semana. Dende o BNG de Ames coidamos que deste xeito non van estar suficientemente atendidas as necesidades nin do Milladoiro nin de Brión, dous lugares tan populosos e con tal cantidade de mulleres novas.

Se xa era difícil que unha única profesional do Milladoiro, núcleo sempre destacado en Galiza pola súa elevada taxa de natalidade, dera feito o seguimento ás mulleres embarazadas, impartido educación maternal e que ademais contribuíra á implantación do Programa da Muller, á parte de atender as urxencias, máis difícil será aínda dispoñendo de seis horas menos de atención. Foi precisamente esta necesidade manifesta a que obrigou ao Sergas a crear unha praza de matrona no Milladoiro, pois ata hai uns cinco anos compartíase con Bertamiráns. Por outra banda tampouco seis horas garanten unha atención de calidade ás mulleres do veciño Concello de Brión.

non van estar suficientemente atendidas as necesidades nin do Milladoiro nin de Brión

Semella que a solución adoptada polo Sergas vai na súa habitual liña de recortar gastos sanitarios, no que constitúe un verdadeiro desmantelamento dos servizos sanitarios públicos, deixando sen asistencia concreta o Programa da Muller, co que indirectamente se incita ao uso da xinecoloxía privada.

Por todo isto, o BNG de Ames esíxelle ao Sergas o mantemento dunha matrona a tempo completo no Centro de Saúde do Milladoiro.

Os centros de atención primaria teñen que poñer en práctica o Programa da Muller,  que inclúe a prevención do cancro xinecolóxico, a anticoncepción e a atención á menopausia e ao embarazo e posparto, a través dos médicos/as de cabeceira, matronas e demais profesionais dos centros. A Organización Mundial da Saúde expresa o papel fundamental que desenvolven as matronas en relación á saúde das mulleres. No Estado español no ano 2009 a ratio de matronas era de 1 matrona por cada 4.366 mulleres, ratio claramente superada no caso do Milladoiro e máis aínda con este recorte.

A existencia destas profesionais, unha conquista da loita das mulleres polos seus dereitos sexuais e reprodutivos, dota á sanidade pública dunha atención específica para o coidado da muller e a crianza, a capacitación de pais e nais para a participación no período de xestación, parto e lactancia, o coidado e recuperación física da nai, a atención da crianza recén nacida, a información sobre a planificación familiar e todos aqueles aspectos relacionados coa sexualidade e reprodución das mulleres e os coidados que requiren.

O BNG reclama unha matrona a tempo completo no Milladoiro