2 millóns de euros enterrados no cemiterio municipal de Ames

2 millóns de euros enterrados no cemiterio municipal de Ames

O vindeiro 29 de xaneiro fará catro anos que o Concello de Ames recibiu formalmente as obras do cemiterio municipal. Dende aquela non só segue sen abrirse ao público, aínda que se trata dun servizo obrigado para os concellos de máis de 20 mil habitantes, senón que o deterioro avanza de xeito inexorable, como demostran a reportaxe fotográfica que acompañamos.

A razón de fondo é que aínda está pendente a resolución do sistema de xestión que vai rexer o seu funcionamento, froito da incapacidade dos gobernos do socialista Carlos Fernández primeiro (que recibiu a obra) e posteriormente de Santiago Amor. Ao pouco de acceder á responsabilidade municipal, o daquela tenente de alcalde, García Argibay (hoxe concelleiro tránsfuga en Pacto por Ames), declaraba en en agosto de 2011: “O goberno local é consciente da urxencia da xestión desta obra antes de que o seu deterioro sexa maior, por iso se están buscando fórmulas para sacar adiante o cemiterio municipal”.

Catro anos despois da súa recepción polo Concello, o cemiterio segue sen funcionar e nun estado de total abandono.

Despois de dous anos e medio de goberno do Partido Popular, o cemiterio dos Batáns continúa abandonado e nun continuo deterioro: o axardinamento en estado selvático, moitos dos nichos coas tapas rotas, pintadas, cadros eléctricos destrozados, portas arrincadas, arbustos nas canles de recollida de augas, etc. E dous anos e medio máis tarde —catro anos despois da recepción das obras—, sen proposta para xestionar o seu funcionamento, para o cal o pasado mes de xullo o goberno de Amor lle solicitou á Deputación da Coruña un estudo económico-financeiro sobre a futura explotación, do que aínda non se sabe nada, no que constitúe para o BNG unha infrautilización e desprezo dos técnicos/as municipais.

Ambas as carencias constitúen unha proba máis da incapacidade do actual alcalde e de quen o veu apoiando ata hai pouco para gobernaren un concello como o de Ames.

Xestión municipal e reparacións inmediatas

O BNG de Ames esixe a inmediata reparación dos elementos destrozados e asemade que o Concello asuma, ben directamente ou ben a través dunha empresa pública, a xestión deste servizo, como pasos necesarios para que o cemiterio municipal poida entrar en funcionamento o máis axiña posible.

O BNG de Ames propón que o Concello asuma de xeito inmediato e mediante xestión pública o cemiterio municipal e se corrixan as deficiencias.

Tamén esixe que se comecen a facer os trámites para a construción dun tanatorio, unha posibilidade para a que o proxecto deixou espazo, pero que aínda cómpre incorporar.A Lexislación recolle tanto a capacidade dos concellos para prestar servizos públicos que contribúan á satisfacción das necesidades dos cidadáns, como precisamente aquelas que son de obrigado cumprimento. E precisamente entre estas últimas está a dotación dun cemiterio publico, unha obra que no caso de Ames comezou en 2003, con cargo a diversos programas tanto do goberno central como da Xunta de Galicia, que supuxeron un investimento próximo aos 2 millóns de euros, que agora vemos enterrados.

Hai que lembrar que, por un lado os cemiterios parroquiais están saturados e que, ademais, unha parte moi importante da poboación do noso concello é foránea e carece de panteóns familiares propios. Xa existen casos de familias que se viron obrigadas a facer enterramentos nos concellos limítrofes de Teo ou de Santiago, cando o cemiterio municipal de Ames conta con máis de 2000 nichos, unha capela-oratorio e outros servizos como depósito de cadáveres, ou osario, e aparcadoiro para 121 turismos e catro autobuses.

Así está o cemiterio municipal de Ames

OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA OLYMPUS DIGITAL CAMERA