O orzamento da Xunta de 2014 non contempla o novo centro de saúde do Milladoiro

O orzamento da Xunta de 2014 non contempla o novo centro de saúde do Milladoiro

pac milladoiroO Centro de Saúde do Milladoiro padece, como ben denuncian o persoal sanitario e administrativo e os doentes, humidades e filtracións cos problemas consecuentes —pingueiras, cheiros, fungos— dende hai anos. O desprendemento de parte do teito, que obrigou o Sergas a precintar a sala de análises e control do Sintrón, era consecuencia previsible, polo cal o Concello de Ames tiña que ter tomado medidas hai tempo.

O BNG de Ames esixe que o goberno de Santiago Amor arranxe o máis axiña posible as deficiencias da cuberta deste vello centro de saúde. Mais para o BNG, trátase só dun parche que non soluciona o verdadeiro problema da atención sanitaria no Milladoiro. En efecto, grazas ao desleixo e á incompetencia do PP, tanto a nivel local como nacional, a cidadanía do Milladoiro vai ter que seguir esperando polo tan necesario novo centro de saúde, pois o PP non preveu nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2014 nin un só céntimo para o novo edificio.

O BNG insta á Xunta de Galicia a realizar os reaxustes precisos no orzamento de 2014  para poder iniciar o concurso e as obras.

Propaganda, promesas incumpridas e incompetencia

O actual edificio, de propiedade municipal, ademais das ditas deficiencias, está pensado para atender a poboación que O Milladoiro tiña hai máis de 20 anos, unhas 2000 persoas. Pero actualmente viven nesta localidade máis de 12.000 persoas de dereito, polo que é absolutamente insuficiente, está saturado. Ademais, varias das consultas se atopan no segundo andar, que carece de ascensor, o que dificulta gravemente o acceso a persoas maiores ou con problemas de mobilidade.

De feito, dende o ano 2009 está aprobado e licitado o proxecto de novo centro, que acollería sete consultas de medicina xeral, sete de enfermaría e cinco polivalentes, así como unha sala de mostras, dúas de odontoloxía e hixiene dental, consulta de matrona, unha sala de educación sanitaria e outra de cirurxía menor. Tamén estaba prevista unha área específica con atención pediátrica e enfermaría infantil)

Mais unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou en 2009 o plan parcial do sector S-15, Travesía do Porto Sur (aprobado en 2007) , onde se localizaría o edificio. Tal situación urbanística non impediu que en 2010 a conselleira de Sanidade Pilar Farjas cacarexara a bombo e prato que en 2011 construirían 22 novos centros de saúde, entre eles, o do Milladoiro. Porén nos orzamentos dese ano non se consignou ningunha partida para tal edificio.

O BNG esíxelle ao Concello de Ames que arranxe o máis axiña posible as deficiencias do Centro de Saúde do Milladoiro.

No Pleno do Concello de maio de 2013 o actual Goberno municipal aprobou definitivamente o plan parcial do sector S-15, Travesía do Porto Sur, no Milladoiro. Xa era posible cederlle o terreo á Xunta de Galicia e iniciar o concurso e a construción. Mais nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2014 non hai nin unha soa partida destinada á construción do novo centro. O goberno da Xunta esqueceuse do Milladoiro. O PP de Ames, ou tamén se esqueceu, ou non fixo xestións abondas para que o goberno amigo incluíse esta dotación entre as infraestruturas a acometer neste ano. Mais espilido andou para cederlle unha parcela céntrica no Milladoiro á Igrexa para uso relixioso, sen haber centro de saúde, nin dotacións educativas, nin de servizos sociais.

Para o BNG de Ames o PP local amosa a súa incompetencia na xestión –tanto no mantemento das dotacións existentes como na planificación das novas-, e o seu escaso peso fronte ao goberno da Xunta, o campión da propaganda e as promesas incumpridas.

O BNG de Ames insta á Xunta de Galicia a que efectúe os reaxustes orzamentarios precisos para iniciar o concurso e as obras do novo centro de saúde do Milladoiro.