O BNG DEFENDE UN SERVIZO DE CONCILIACIÓN, DE CALIDADE E SUSTENTABLE NO TEMPO

Nota de prensa sobre comedores escolares

BNG Ames
BNG Ames

O BNG de Ames acusa ao PP e PxA de utilización partidista dos comedores escolares

Nota de prensa sobre comedores escolares

O Regulamento e a Ordenanza dos comedores escolares de Ames foron modificados, co obxectivo principal de axilizar a xestión, na sesión do Pleno do Concello do 30 de novembro de 2017 coa abstención dos grupos municipais do PP e de Pacto por Ames e sen que ningún deles presentase ningunha emenda ou proposta de alegación. No período de exposición pública (no mes de decembro) non se presentou ningunha alegación. Non se entende, logo, as acusacións de que as ditas normas están sen actualizar dende 2011, cando están actualizadas polo Pleno dende hai só catro meses e coa aprobación previa no Consello Municipal de Educación, onde participan, ademais de representantes da comunidade educativa, representantes dos grupos políticos municipais.

Dende o BNG de Ames acusamos a utilización partidista e demagóxica, por parte do PP e Pacto por Ames, da man novamente, da elevada demanda de prazas na rede de comedores escolares do Concello e da lóxica preocupación das familias.

A demanda vén aumentando ano tras ano en Ames, demostrando que se trata dun servizo de referencia importantísimo cuxa calidade a veciñanza valora moi positivamente. Durante o mes de marzo, renovaron a súa inscrición nos comedores escolares de Ames un total de 1.059 usuarios/as e rexistráronse 258 novas solicitudes.

O concelleiro de Educación, o nacionalista David Santomil, lévase reunido nas últimas semanas en numerosas ocasións coas ANPA municipais e atendido persoalmente numerosas familias demandantes do servizo de comedores, para explicar con total transparencia a situación, aínda con datos provisionais sobre escolarización e solicitudes de comedores, e á espera de ter os definitivos para convocar en maio un pleno extraordinario do Consello Municipal de Educación, órgano onde se debaterá a posible nova modificación do regulamento e da ordenanza de comedores. Froito desas xuntanzas, a última das cales foi o pasado luns coa totalidade das ANPA amesás, é o compromiso de que as ANPA formen parte das comisión de baremación dos comedores.

Os datos

Os centros educativos públicos de infantil e primaria de Ames poden escolarizar un máximo de 2.450 alumnos e alumnas no próximo curso escolar 2018/19. Malia que a

meirande parte deles, por cuestión das distancias aos seus fogares, non terían dereito a comedor se este dependese da Xunta de Galicia, a Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames pode acoller un total de 1.254 prazas, o que se resume nun dato: un de cada de dous nenos/as de Ames acode ao comedor escolar (un 50% do alumnado), unha ratio moi pouco frecuente noutros concellos do país, máxime cando non se trata de comedores da Xunta de Galicia senón que son xestionados maioritariamente polas ANPA.

Para manter esta rede municipal de comedores con tal número de prazas, existen comedores escolares que dobran quenda, polo que na actualidade é imposible aumentar o número de prazas. A única posibilidade de atender a demanda crecente sería ampliar fisicamente os comedores, co conseguinte aumento dos custos (instalacións de cociñas, persoal municipal de comedores, servizo de monitoraxe, compra de alimentos, limpeza, etc.). Isto multiplicaría o investimento do Concello para ese servizo, que na actualidade é duns 650.000 euros/ano, o 45,8% do custo real do servizo (a Xunta pon o 6,4% e as familias o 47,7% coas súa cuotas). E isto sen contar coa ampliación actualmente en marcha no CEIP Agro do Muíño e co futuro novo centro escolar no Milladoiro, que incrementará de forma considerable este importe.

O BNG defende a Rede Municipal de Comedores Escolares como un servizo de conciliación e de calidade, que poida ser sustentable no tempo. Cómpre que grupos políticos, comunidade escolar e sociedade amesá en xeral fagamos unha reflexión con seriedade, rigor e responsabilidade sobre o modelo de comedores que queremos para Ames.
 

Ames. 13 de abril de 2018