Como alegar contra as sancións de Facenda ás persoas emigrantes retornadas

Como alegar contra as sancións de Facenda ás persoas emigrantes retornadas

A Plataforma de Emigrantes Retornados de Compostela e o BNG de Ames organizan un acto informativo en Ames o mércores 2 de outubro

O mércores 2 de outubro, ás 20:00 h no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a Plataforma de Emigrantes Retornados e o BNG de Ames organizan un acto informativo sobre os expedientes sancionadores que a Axencia Tributaria está a impoñerlles a emigrantes retornados que cobran pensións dos países a que emigraron. No acto participarán Manuel Domínguez, voceiro da Plataforma de Emigrantes Retornados de Compostela e a deputada do BNG Ana Pontón.

Os emigrantes retornados buscan unir forzas contra as sancions constituíndo plataformas de afectados polos expedientes sancionadores iniciados pola Axencia Tributaria. Ás plataformas do Morrazo, Umia, Vilagarcía, A Coruña, Carballo, Ourense, A Mariña ou Ponteareas, agora hai que unir a de Compostela, que se presenta no devandito acto. As plataformas advirten que aínda faltan por chegar os requirimentos para os exercicios 2009, 2010 e 2011, polo que teñan previsto presentar unha proposta ao Ministerio de Facenda para que modifique a lexislación tributaria neste ámbito. A cifra de pensionistas no país que reciben as denuncias de Facenda achégase aos 25.000.

A mobilización social semella que dá resultados: a Axencia Tributaria agora está aceptando as alegacións presentadas polos pensionistas, cando ao principio eran rexeitadas. Neste acto informarase de como realizar as alegacións.

A orixe das sancións

En 2008, o goberno do PSOE modificou a Lei 35/2006: a partir dese momento quen cobrase de pagadores que non tivesen a obriga de faceren retencións debía declaralas cando os cobros superasen os 11 200 euros, e non os 22 000 euros que tributan os que cobran pensións só da administración española.

Porén, por unha cadea de malas informacións (Axencia Tributaria, xestorías e asesorías) moitas persoas emigrantes retornadas que cobran unha pensión do país ao que emigraron creron que non tiñan a obriga de declarala. Agora Facenda pretende non só que tributen desde 2008, senón que paguen tamén os xuros de mora e mais unha sanción que pode superar os 5 000 euros por persoa.

Para o BNG, é inxusto sancionar os retornados que por desinformación non declararon os seus subsidios do exterior cando Facenda en 2010 non multou aos contribuíntes con contas opacas en Suíza

O BNG solicita a anulación de todos os expedientes e a devolución dos cartos xa pagados nalgúns casos. Igualmente, o BNG solicita que, de non modificaren a lei, que se comece a aplicar desde 2012 tras unha campaña de información axeitada.

Non son defraudadores

O BNG está contra a fraude fiscal, mais este non é o caso: non se trata de defraudadores, senón de persoas que recibiron mala información por parte de diversos axentes tributarios.

Non se trata de xustas sancións debidas ao bo funcionamento da Administración contra a fraude fiscal, senón case unha extorsión. En efecto, a Axencia Tributaria debería darlles a oportunidade de presentaren voluntariamente unhas cantidades que descoñecían que tiñan que tributar, igual que se fixo cos posuidores de contas opacas de Suíza, aos cales en 2010 se lles permitiu presentar declaracións voluntarias e aforraren as sancións. No caso das contas de Suíza había ánimo de defraudar, mentres que os emigrantes non actuaron de mala fe, senón mal informados.

O PP non ataca o nicho da fraude fiscal e outorga amnistías fiscais que permiten que grandes defraudadores regularicen as súas contas ocultas. Pola contra, cébase coas persoas máis febles nun país, Galiza, que é probablemente o territorio do Estado con máis emigrantes afectados. Despois da estafa das preferentes e subordinadas unha nova volta de porca para a economía galega e as persoas máis febles.