PROPOÑEMOS UNHA CHARLA-COLOQUIO SOBRE A LOMCE E AS SÚAS REVÁLIDAS EN COLABORACIÓN COA PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO E A ORGANIZACIÓN ESTUDANTIL ERGUER

LOMCE e Reválidas: unha charla - coloquio para enriquecer o debate

O encontro terá lugar o martes 22 de novembro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 19:30h

Falarán Félix Paz, profesor de secundaria e membro da Plataforma, Iria Figueroa, estudante e activista de Erguer e David Santomil, Concelleiro de Educación en Ames.

Dar resposta á enorme inquedanza que existe entre alumnos, nais e pais, cuxo peso no Concello de Ames é notable, é un dos obxectivos fundamentais deste encontro.

LOMCE e Reválidas: unha charla - coloquio para enriquecer o debate

Unha charla-coloquio sobre os efectos das reválidas e a LOMCE. Esta é a resposta que propoñemos desde o BNG de Ames en colaboración co estudantado activo de ERGUER e a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público da que o BNG forma parte, á enorme inquedanza que existe entre alumnos, nais e pais, cuxo peso no Concello de Ames é notable.

Desde a aprobación da lei e a súa posta en marcha, o malestar e o enfado non deixaron de incrementarse, ao tempo que o debate se foi facendo máis presente na sociedade galega, un debate que a pesares da súa magnitude, o Goberno galego ignora e renuncia a marcar perfil propio evitando tomar medidas ao respecto. En total contraste, a sociedade civil, educadores, estudantes, pais e nais, estamos hoxe máis que nunca implicadas e implicados en lle dar soporte ao debate ao tempo que estamos máis que nunca organizados para informar dos efectos nocivos das reválidas e para denunciar a forte regresión que supón a LOMCE.

O formato elixido de charla-coloquio permite un vehículo de información eficaz de todos estes aspectos para os coñecer de primeira man a través de aqueles que a sofren en primeira persoa, e espertar o debate coa cidadanía afectada no noso Concello. Coa colaboración dos colectivos citados, permitiunos contar con Félix Paz, profesor de secundaria, coñecedor dos contidos e efectos da lei á vez que activista na Plataforma, e con Iria Figueroa, alumna da USC, tamén coñecedora dos efectos da lei e activista na organización estudantil ERGUER.

David Santomil, Concelleiro de Educación en Ames polo BNG, pechará a exposición desde a óptica do goberno local.

Tal como ven defendendo a propia Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público, a LOMCE supón unha profunda e deliberada aposta por marcar e incrementar as diferenzas socioeconómicas xa dende a escola, ademais dunha volta atrás significativa na autonomía das nacións do Estado e na laicidade do ensino, cun férreo control dos contidos desde o goberno central, uns contidos confesionais e homoxeneizadores, afastándose do achegamento do alumnado á súa propia realidade social, cultural e lingüística e o respecto pola diversidade. Como se isto non fose suficiente, a incertidume e ansiedade na que están sumidos educadores, alumnos, pais e nais ante as revalidas e o acceso aos seguintes ciclos, é notable.